O “UNIVERSO LAMBÓN” represéntase como unha gran caixa
que garda todo o imaxinario do grupo. No seu interior
conviven as cancións, os personaxes e aventuras que
foron dando forma ao universo da banda ao longo dos anos.
Editado por ALENDE, o vinilo supón a primeira edición
física do selo.
Esta edición especial nace como un percorrido pola
historia musical de Uxía Lambona e a Banda Molona,
reunindo nun único soporte temas que xa forman parte
da banda sonora de varias xeracións de galegos.
Cancións para cantar, bailar e compartir en familia,
que forman parte dun universo propio construído tamén
a través dunha coidada identidade visual, deseñada
por Olalla Fernández, responsable do imaxinario
gráfico da banda.
Coa vaca Muxía como fiel compañeira e icono do proxecto,
a súa imaxe volve presidir este universo lambón.
Esta edición limitada inclúe tamén “Agora Feliz Feliz”,
un tema inédito de Uxía Lambona e a Banda Molona
que ve a luz por primeira vez en “UNIVERSO LAMBÓN”.
O vinilo convértese así nun obxecto que vai máis alá
da música: unha peza para gardar e descubrir, que reúne
parte da memoria dun proxecto que leva máis dunha
década achegando a música e a cultura galega á infancia.
“UNIVERSO LAMBÓN” nace para compartir en familia:
para que as crianzas canten e bailen, e para que
os maiores volvan gozar con elas de momentos que
se converten en recordos. Un legado que pasa de
xeración en xeración e que segue medrando cada vez
que alguén abre esta caixa e comeza a cantar.